O pasado xoves, 28 de xullo, o Local Social de Sandiás acolleu unha nova actividade do programa “Veráns de Lecer Consumo”, unha iniciativa da Xunta de Galicia, desenvolvida a través do Instituto Galego do Consumo e da Competencia, que busca ofrecer alternativas de lecer educativo durante o verán, promovendo entre a infancia hábitos de consumo responsables e sostibles.
A actividade, totalmente gratuíta estivo aberta a todos os nenos e nenas do Concello de Sandiás, maís maiors participaran ou non no campamento.
A través dunha divertida xincana por equipos, as nenas e os nenos deberon superar diferentes probas nas que descubriron conceptos fundamentais relacionados co consumo responsable. Dun xeito participativo e dinámico, traballáronse cuestións como os dereitos das persoas consumidoras, os hábitos de compra responsables, a obsolescencia programada, a importancia das 3R (reducir, reutilizar e reciclar) e o aforro de auga e enerxía.
A actividade concluiu coa creación dun cartaz colaborativo sobre o consumo responsable e sostible, fomentando a creatividade, o traballo en equipo e a reflexión sobre como pequenas accións cotiás poden contribuír ao coidado do planeta.
Esta proposta combina aprendizaxe e diversión, convertendo o tempo de lecer nunha oportunidade para formar cidadáns e cidadás máis conscientes, responsables e comprometidos co seu contorno.