José Antonio Quiroga, presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), organismo autónomo dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, e Felipe Traveso, Alcalde do Concello de Sandiás, rubricaron o 14 de marzo de 2022 o Convenio de colaboración que posibilita a financiamento, execución e entrega das obras de “Mellora do saneamento e depuración de augas residuais da aldea de Cerredelo, no termo municipal de Sandiás”.
O investimento estipulado é dun total de 315000€ ao longo de 2022 e 2023, achegando a CHMS 252000€ sufragados polo Estado, e o Concello de Sandiás (administración local) a cantidade de 63000€.
A CHMS licitará, adxudicará e xestionará os contratos da obra, servizos e calquera outros necesarios para a execución do presente Convenio, ata a terminación definitiva das actuacións. Os traballos proxectados executaranse na aldea de Cerredelo pertencente ao Concello de Sandiás, e o proxecto trata da eliminación de dúas fosas sépticas en mal estado e a construción dunha nova, recollendo todo o saneamento na mesma.
Para realizar ditas obras leváronse a cabo varias reunións cos veciños, comprouse unha leira e cedéronse terreos por parte dos veciños para o paso dos tubos.