O Concello de Sandiás iniciou esta semana a instalación do alumeado público con tecnoloxía de tipo LED en 10 das súas aldeas. O investimento, coa axuda dunha subvención do IDAE (Instituto para la Diversificación y Ahorro de la Energía), ronda os 127.000€ nunha actuación a prol do aforro enerxético. Substituiranse un total de 270 puntos lumínicos por luces LED de baixo consumo, máis 100 puntos ofertados a maiores no proceso de contratación. En total, 370 puntos lumínicos renovados nunha primeira fase no marco dun proxecto de renovación integral da iluminación pública de tódolos pobos do concello.
O obxectivo desta intervención é acadar unha maior sustentabilidade medioambiental, eficiencia enerxética e unha mellora substancial na calidade do alumeado e a adaptación das instalacións lumínicas á normativa vixente. Así mesmo, esta renovación fai posible un significativo aforro económico que o concello poderá destinar a outros proxectos sociais.
Os pobos que se verán beneficiados por esta nova actuación de mellora que xa está en marcha serán Vilariño das Poldras, Cerredelo, As Pegas, A Chousela, Sandiás, Novaíño, Piñeira, Arcos, A Fontela e Cardeita.
RENOVACIÓN DE INSTALACIÓNS DE ALUMEADO EXTERIOR
- Data de publicación: 22/10/2019