SANDIÁS CULTIVA A MEMORIA | O Concello de Sandiás inicia os Obradoiros de Estimulación Cognitiva coa Asociación de Alzheimer de Ourense (AFAOR)

Asociación de Alzheimer de Ourense (AFAOR) e a Concellería de Política Social e Participación Cidadá do Concello de Sandiás, ofrecen “Obradoiros de estimulación cognitiva” destinados a persoas maiores válidas e/ou con deterioro cognitivo leve, con carácter gratuito, ao longo do ano 2022.

A partir dos 60 anos empezanse a notar pequenos fallos de memoria que nos preocupan: «onde deixei as chaves?», «apaguei a cociña?» ou ir a coller algo e esquecer que era. Estes obradoiros son importantes xa que con eles traballase a memoria, atención, linguaxe e fluidez de maneira activa.

O primeiro obradoiro comezou o xoves, 31 de marzo ás 18:00 da tarde. Foi a primeira sesión coa participación de 16 persoas dun total de 20 apuntadas. Nesta primeira reunión participaron veciños das aldeas de Piñeira de Arcos, Arcos, Vilariño das Poldras, Lavandeira, Santana, Novaiño, Sandiás, Xinzo, Couso de Limia e As Pegas. Haberá xuntanzas todos os xoves de 18:00 a 19:00 ao longo de todo o ano 2022 no lugar social do Concello de Sandiás. O transporte para quen o necesite é gratuito chamando ao teléfono 639 15 50 12.

A animadora especialista  é  Mayara  Estevam e é educadora social. Os obxectivos dos  obradoiros, comenta  Mayara, “van en liña de traballar o  envexecemento activo. Trátase de poñer o cerebro a explotar a súa máxima funcionalidade e traballar as capacidades mentais como o cálculo, o razoamento, a memoria,  e a atención para mellorar as mesmas”.

As sesións duran unha hora e media e trabállase de forma individual e en equipo. “Entre os tipos de actividades que se realizan destacan estimulación cognitiva, psicomotricidade, cálculo, razoamento, memoria, atención e interactividade con dinámicas grupais, comunicación e interacción entre as persoas”. Desta maneira rachamos coa soidade e creamos texido comunitario.

Resalta  Mayara, é unha actividade que gusta: “ traballamos en máis de cinco  concellos e en máis de doce asociacións de veciños. Adoita gustar a actividade. Ademais, adoita ser unha actividade de costume. As persoas interactúan máis, aumenta a autoestima e demandan cada vez máis ditas actividades”.

Estas actividades preventivas son fundamentais dado que o alzheimer é un tipo de demencia moi presente. A partir dos 80 anos soben un 35% dos casos. Non existe outra maneira de previr máis que estes talleres.

Conclúe Mayara afirmando que  “estas actividades, ademáis de preventivas son actividades para gozalas e non para sufrilas”.

Contentos da resposta obtida e co desexo que a mesma se amplie. Para inscribirse nos obradoiros, poden dirixirse ao teléfono da Casa do Concello (988 465001).

En qué podemos axudarte?

Estamos á túa disposición. Para calquera dúbida, comentario ou suxerencia, non dubides en contactar co persoal do Concello.

Enviar mensaxe
¡Ola!
¿En que podemos axudarte?