A ETAP do Tesiño, aldea de Cardeita, no Concello de Sandiás é unha estación de tratamento de auga potable construida no 1996. Un episodio no ano 2019 de detección de parámetros relacionados cos niveis de nitratos que presentaban valores sensiblemente altos, levou o concello de Sandiás a executar unha intervención de mellora na ETAP, procedendo a instalación dunha desnitrificadora cunha inversión aproximada de 20000 € e que de forma inmediata normalizou os parámetros de nitratos nas analíticas da auga.
A obsolescencia dos materiais, o necesario mantemento, deficiencias no caudal e presión das bombas para lograr eficacia en retención de nitratos, baixo rendemento do sistema de eliminación do ferro e manganeso nos filtros, rendementos baixos e alto consumo dos equipos de “bombeo en alta”, levan de novo ó concello de Sandiás neste ano 2021 a realizar outra intervención de mellora, executada e financiada ó 100% por Augas de Galicia por un valor de 48020,67€.
As intervencións de mellora divídense en dúas grandes accións. Unha primeira, consistirá en substituír o actual equipo de bombeo da ETAP instalando un novo que garanta caudal e presión permanente grazas ao sistema de alternancia de bombas. Unha segunda, consistirá en substituír os equipos actuais de “bombeo en alta” desde a ETAP ao depósito distribuidor do Novaiño, instalando un novo equipo de bombas multicelulares para lograr un arranque progresivo da instalación, control permanente de caudal e presión, actuación de bombas auxiliares en caso de avaría e significativo aforro de enerxía eléctrica.